Thursday 25 de April de 2024

O Concello de Neda convida aos máis pequenos da casa a participar no programa Miúdo Verán, con cine, danza, maxia e circo


Celebrarase os xoves do mes de xullo e agosto, en diferentes escenarios do municipio, con propostas para todos os gustos

O Concello de Neda convida aos máis pequenos e pequenas da casa e ás súas familias a tomar parte no programa Miúdo Verán, que vén cargado este ano de propostas culturais do máis diversas co cine, a música, o teatro, a danza ou o circo como protagonistas. A participación é gratuíta, con reserva previa de entrada dende os luns precedentes a cada actividade na Casa da Cultura ou teléfono 981 39 02 33 de 9 a 13 h. O programa, que impulsa o Concello, conta co patrocinio do Xacobeo, do proxecto Ler Conta Moito e da Rede Cultural da Deputación. Así mesmo, o Concello de Neda tentou unha vez máis estender ás diferentes parroquias e espazos as actividades.

Arrancarán o próximo xoves 21 de xullo, co espectáculo “Sofá”, a partir das 20 horas no paseo marítimo de Xubia. Así, a compañía da creadora e intérprete Marta Alonso Tejada ofrecerá un espectáculo no que a danza e o humor serán os grandes protagonistas, combinados coa interacción co público e a cercanía con este.

O calendario continuará ao seguinte xoves, 28 de xullo, no parque do Principiño co Festivaliño On The Road. Cine infantil a partir das 20 horas que fará as delicias dos máis pequenos e pequenas da casa. Á semana seguinte, o xoves 4 de agosto ás 22 horas, a rúa Real converterase nunha sala de proxección para acoller o pase do filme de animación Valentina, da cineasta ferrolá Chelo Loureiro, galardoado co Goya. O espectáculo “Alquimia”, a cargo do mago Teto, chegará a Albarón o xoves 11 de agosto ás 20 h, namentras que a polideportiva do Roxal albergará a proxección da película “Bella e o circo máxico” o xoves 18 de agosto ás 22 h. E, pechando a programación, a compañía SU.MA. traerá o seu espectáculo de circo “Ikigai” ao campo dos Subarreiros o 25 de agosto ás 20 h.